O levantador de minas
22.3.06
  Breve antoloxía da poesía galega de 90: Francisco Souto (IV)
FRANCISCO SOUTO. Coruña, 1962.

Os poemas de Francisco Souto constitúen unha aserción do Real. Do xeito de as cousas seren causa da nosa paixón, e das accións que a vida solicita. Acción, reacción e represión son postas baixo clara luz, sen ornamento, para unha reflexión case metafísica ser oficiada a continuación. As cousas son así, portanto así deben ser descritas, conforme a súa natureza tratadas: con dureza, sen aparente sentimento tráxico da vida, asumindo a nosa función de apaixonados axentes capaces de romper a realidade, fráxil, por outro lado, e ao mesmo tempo creala.
Unha certa friaxe na manipulación conceptual dos asuntos mais quentes da vida parece manifestarse nunha sintaxe rota, quebrada, e nun verso usado secamente, como expresión dun eu poético que analiza, situándose lonxe de si, seu humano corazón e as causas que o moven.


De As árvores do incesto

p. 21
Pensar no vendaval
e fazer un poema dos teus ollos
anovada viaxen
ao centro mesmo das marés
a perseguir o corpo en borraxeira
do vento
que abana os argazos milenários

Desde a xanela erguida na distáncia
troco o desexo en estandarte
e fago poemas nos teus ollos
coas palavras luídos da inocencia

Arrécia a morte
nas pombas escartadas dos salseiros
contra o lombo exausto da ria
e eu fago poemas cos teus ollos
para ver-me louco nos espellos

p. 35
Era Abril
un rumor de águas posuindo os corpos
o feble pronóstico da luz querendo habitar as prazas

Era Abril o lume aceso e a casa

Era Abril a serpe
o alacrán inóspito
a intempérie

Abril
era Abril
ferindo-nos os versos
como unha cantiga atraizoada.

p.36
Revoluzón

Veño coas mans feridas dos desígnios
cos que a história se enaltece e perpetua
ceifando o sangue morno
do animal incerto que estremece
o gume apurado en que degolo
a pomba inútil que me crece

Veño das portas dos meus soños
construindo coas pétalas da luita
a rosa ventureira da fraternidade

p.37
Teño un livro de solpores
e un epistolário de medos

Teño seis noites entre os dedos
e un animal ferido nos versos

Calo e o animal enfía as garzas

Fuxo
e o animal en desbandada

Falo
e o animal conquista as prazas

p.38
Veño do fin do mundo
coa cabeza aberta
e as mans cheíñas de paxaros

Veño nas coitelas do solpor
onde o voo dos mascatos
e os corvos anunciadores do trebón
tecen a noite
e na morte
souben
que Mar non era de águas
senón da rosa nosa das tristezas

p.39
Deixa chegar a Morte
Si
que nos abra a carne
cos ferros do medo
que nos devore a boca
a inmensa agonia do siléncio

Si trae-me a palavra
coa cabeza en bandexa de prata
o seu império vencido
a súa altiva ofensa
o seu delírio
si

Trae-me o verme si
O presáxio da terra nos ollos
A metáfora inédita si
O incesto
 
Comments: Enviar um comentário



<< Home
A poesía, as súas irmás e as súas raíces. Outros sentidos.

Recentes


Powered by Blogger

Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters